jueves 11 de marzo de 2010

ANTES DISCRIMINADAS, AGORA INNOVADORAS

A discriminación da muller está presente en diferentes eidos dende a antigüidade. Por exemplo na Roma e na Grecia clásicas podemos observar o menosprezo que sufrían as mulleres por parte da sociedade ao non poder beber viño, ter vedada a súa preseza en comidas importantes, ter un cuarto restrinxido a elas e aos seus labores e ao non poder acceder á educación, xa que esta estaba restrinxida aos varóns, práctica que se mantivo vixente durante toda a Idade Media, período no que se defendía a visión que tivera Aristóteles da muller: ‘ser sumiso’.
A pesar de todos os obstáculos que tiñan as mulleres para achegarse á educación, ao longo da Historia, destacaron mulleres en diferentes épocas e ámbitos, por exemplo, a poetisa Safo, discriminada polo seu oficio e sentirse atraída polas mulleres, algo insólito na súa época; Hypatia, astrónoma admirada e envexada; que aturando as críticas por exercer de profesora e realizar numerosos estudos, sendo unha muller, inventou aparellos como o astrolabio, que foi moi importante para a astronomía. Baseouse nas afirmacións de Tolomeo para intentar desvelar algúns dos moitos misterios que agacha o Universo. Hildegarga de Eibingen foi unha filósofa da Idade Media que está considerada como a primeira representante do misticismo. Podemos citar tamén a Marie Curie, quizais a científica máis coñecida universalmente, por descubrir o radio. Aínda que estas mulleres están moi escondidas, contribuiron co seu gran de area a que a ciencia e outros campos evolucionasen.
Hoxe en día, a pesar de todos os esforzos e traballos levados a cabo, a muller continúa a ter dificultades para acceder ao ámbito laboral. O Goberno está a destinar subvencións ás empresas para que no seu cadro de persoal aparezan mulleres, moitas das cales, ao rematar os seus estudos superiores non encontran traballo. Isto débese a que teñen máis dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. As empresas non adoitan fixarse nos currículos dos aspirantes a un posto de traballo. Mentres as mulleres rematan os estudos superiores cunha media de cualificacións superior a dos homes, son elas as que teñen máis dificultades para atopar emprego, debido a que as empresas, moitas veces, prefiren contratar a un home, indistintamente das cualificacións e experiencia que posúa para o posto que desexa desempeñar.
A muller galega, desenvolveu ao longo da Historia traballos tradicionais, xeralmente non valorados e desprezados, como o fiado, a agricultura, a olaría, a tintura, o arranxo de redes, o marisqueo, tarefas domésticas… Moitos destes traballo, tan diferentes entre sí, foron importantes para o campo da ciencia. A tradición oral permitiunos herdar das nosas nais e avoas receitas para facer infusións con herbas que até que elas nolas mostraron as descoñecíamos e non lles dábamos importancia, descoñecendo o seu nome. Grazas a estes coñecementos, hoxe en día, hai empresas que se dedican a fabricar medicamentos ecolóxicos, que se fabrican con plantas cultivadas previamente. Actualmente, nas Facultades de Medicina impártense clases para coñecer os beneficios das plantas mediciñais e dos productos ecolóxicos, coa finalidade de reducir o consumo innecesario de fármacos polos pacientes, que ademais de ter efectos secundarios, contaminan o medio ambiente. O baño María, empregado diariamente nos nosos fogares, naceu nos laboratorios químicos da man dunha alquimista, María a Hebrea.
A maior parte do persoal que traballa no marisqueo, nas industrias conserveiras e nas do conxelado, son mulleres. Mentres que a maioría de pescadores son varóns. Hoxe en día, estanse a desenvolver proxectos para que o sexo non delimite os traballos nos que unha persoa desexa exercer. Por exemplo, o proxecto Embárcate, rematado no 2007, promoveu o achegamento da muller aos barcos pesqueiros e o seu contrato por parte dos armadores.
Na actualidade, mentres algunha muller traballa como modeladora de poliéster ou de carpinteira naval, os homes están aprendendo a amañar os aparellos pesqueiros que adoitan amañar as mulleres, mentres elas manexan as redes de arrastre.
Aínda que o mercado laboral é complicado para unha muller, hoxe en día son moitas as que deciden innovar e crear novas empresas para comerciar productos ecolóxicos a partir de plantas mediciñais ou sacar ao mercado novas especies que nunca estiveron neste, como a anémona, o ourizo, a lapa ou a alga. Aínda que estas empresas teñen unha base asentada nos coñecementos tradicionais, o seu funcionamento está a ser moi prometedor, xa que contan con gran aceptación por parte da sociedade.
Agardo que en pouco tempo, grazas a todos os proxectos que se están a levar a cabo, todas aquelas mulleres que soñan con traballar en sectores onde a súa presenza é minoritaria, o poidan lograr, xa que as teñen as mesmas capacidades intelectuais ca os homes para poder desempeñar un cargo. Do mesmo xeito confío en que o salario da muller chegue a ser equiparable co do home, sendo os traballos iguais, non debe haber diferenzas entre ambos sexos.

Tania Vázquez García

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada